Análise crítica do curriculo de Educación Física de Galicia establecido polo decreto 233/2002, do 6 de xuño (doga do 17 de xullo) |
|||
*Prof. Ensino Secundario. Prof. Colaborador. Fac. Cs. de la Salud y del Deporte. Fac. Cs. Humanas y de la Educación. Universidad de Zaragoza (Campus de Huesca). **Prof. Colegio Sagrado Corazón de Jesus (Castiñeiras-Ribeira. A Coruña). |
José Ignacio Salgado López* Carlos Mariño Pego** inhaqui@unizar.es (España) |
|
|
|
|||
http://www.efdeportes.com/ Revista Digital - Buenos Aires - Año 11 - N° 106 - Marzo de 2007 |
1 / 1
Introdución
A actualidade educativa no ámbito non universitario está inmersa nestes momentos, nos cambios derivados da promulgación da "Ley de la Educación", aínda que, moitos deses cambios non foron concretados a nivel curricular.
Pensamos que é o momento, polo tanto, de reflexionar sobre os currículos establecidos a nivel oficial, para, con esta reflexión poder mellorar as novas propostas que vaian xurdindo a luz desta nova lei educativa.
Neste traballo presentamos unha análise crítica da proposta curricular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, recollida no Decreto 233/2002, do 6 de xuño (DOGA do 17 de xullo), polo que se modifica o decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, centrando, precisamente, o obxecto desta análise, na área de Educación Física e nos os diferentes elementos que a configuran a nivel curricular.
Debemos especificar, neste momento, que ao longo do presente traballo, e para facilitar a lectura, nos referiremos con "currículo" ao concepto "currículo oficial" ou "explícito" (TORRES SANTOMÉ, 1991: 198 y KIRK, 1990: 142-143).
A importancia que lle damos á realización deste tipo de análises ven marcada pola convicción de que os elementos que desenvolven os currículos non son neutros, senón que a evolución da sociedade, coas súas modificacións culturais e a ideoloxía dominante, configuran cada un deses elementos, dentro do proceso de reprodución social (STENHOUSE, 1987; TORRES SANTOMÉ, 1991; KIRK, 1990; AYUSTE y otros, 1999, ETC…).
No presente documento presentamos a citada análise, realizada só dos puntos máis conflitivos ao noso parecer, así coma unhas liñas xerais a ter en conta, coma base, para a proposta e secuenciación dos contidos que pensamos peor estruturados están dentro do currículo, para rematar facemos, a xeito de reflexión, un chamamento á reactivación global da área e elementos implicados dentro do currículo escolar xeral (administración, profesores).
Análise crítico do currículo para a ESOA continuación presentamos as nosas propostas, que parten dunha profunda análise de cada un dos puntos do currículo.
ObxectivosNunha análise xeral atopamos que os obxectivos se dirixen principalmente ao tema da saúde cousa que nos parece razoable, 4 pertencen a este contido, 3 a condición física, 3 a deportes, 1 a medio natural e 1 a expresión corporal.
Só dous deles fan referencia directa ás actitudes, no 7º referido tan só ós xogos e deportes, se fala de "Participar (…) valorando os aspectos de relacións que fomentan e mostrando actitudes de tolerancia e deportividade." Ademais poderiamos entender que o número 11 ó falar de "valorar" o faría, aínda que ese valorar tamén podería facer referencia a "avaliar". Feito este, que desde o noso punto de vista é importante modificar. É preciso ter en conta que educamos persoas e que as actitudes e os valores forman parte indisociable dese proceso de ensino-aprendizaxe, e estes contidos de actitudes e valores son algo máis que simplemente "amosar actitudes de tolerancia e deportividade".
Neste sentido, a idea de "colaborar", só aparece no obxectivo 7º que fai referencia á "organización de campionatos", parécenos que é un pouco pobre a expresión de colaboración neste sentido.
En canto os obxectivos Nº 2 ("Practicar de forma habitual e sistemática actividades físicas co fin de mellora-las condicións de saúde e calidade de vida"), e Nº 3 ("Valora-lo estado das súas capacidades físicas e habilidades específicas e planificar actividades que lle permitan satisfacer as súas necesidades"). Parécenos difícil acadar estes obxectivos se no desenvolvemento dos contidos non aparece nada que faga referencia ó adestramento (principio da adaptación, síndrome xeral da adaptación, lei do "umbral"..., principios derivados, nocións de carga e os seus compoñentes -só se nomea a intensidade do exercicio-, etc...).
No obxectivo Número 6 fálase de "deportes individuais", "colectivos" e "de adversario". Dende o noso punto de vista esta clasificación non se adapta ás clasificacións máis usadas no noso ámbito dentro das últimas tendencias de educación física no que se refire aos estudios sobre o feito deportivo. Consideramos importante ter unha actitude pulcra en canto á terminoloxía para non seguir aumentando os problemas que xa temos en relación a este tema. Propoñemos, polo tanto, adoptar a terminoloxía establecida inicialmente por PARLEBAS e continuada en España por autores coma HERNÁNDEZ MORENO (1994), e que foi orixe dos estudios de praxeoloxía actuais, falando polo tanto de deportes "psicomotrices" e "sociomotrices", e dentro destes "de colaboración", "de oposición" ou de "colaboración-oposición".
No obxectivo 9, confúndese as "actividades deportivas" cos "deportes". Confusión terminolóxica que volve a aparecer ao longo no desenvolvemento dos contidos, sendo xeral a todo o currículo, tomando coma sinónimos "actividades físico-deportivas", "deportes", "actividades físicas" e "actividades deportivas".
Resulta curioso, que, si se lle dá tanta importancia ao eido da saúde dentro da E.F escolar, non aparezan nomeados en ningures, obxectivos en relación coa educación da postura corporal, un dos grandes obxectivos que neste eido debe ter a nosa área ao noso entender, e seguindo as propostas de DEVÍS DEVÍS, J. y PEIRÓ VELERT, C. (1992). Unicamente no obxectivo Nº 10, fala indirectamente deste feito, ao referirse a "Coñecer e utilizar técnicas básicas de relaxación como medio para reducir desequilibrios e aliviar tensións (...)", o problema grave é que dentro dos problemas de orde da postura corporal entran máis aspectos que unicamente o dos "desequilibrios", e o que é peor, estes non só se traballan con técnicas de relaxación, senón tamén con traballo especifico de potenciación e alongamento muscular.
Ao rematar de ler todo o documento decatámonos de que hai contidos como os relacionados coa hixiene, que non aparecen nos obxectivos, de igual forma que aparecen contidos que non se avalían, o que nos dificulta comprender cal é a lóxica de programación que se seguiu para desenvolver este deseño curricular.
ContidosA idea de separación dos contidos en tres ámbitos como acontecía no Deseño Curricular Base anterior, desaparece no presente documento do Ministerio de Educación (no Real Decreto 831/2003 do 27 de Xuño), sendo bastante difícil a compresión de cales fan referencia a un ámbito ou a outro, e o que é máis grave, no currículo proposto pola Consellería de Educación e O.U. da Xunta de Galicia engádese un apartado de "Actitudes" (no que, por certo, ao noso entender aparece algún contido que non é nin fai referencia a actitudes, valores ou normas), a modo dos antigos Bloques de Contidos, coa diferenza de que no D.C.B. antigo (ver R.D. 1007/1991 de 14 de junio, modificado polo R.D. 894/1995, adaptado para Galiza polo Decreto 78/1993), estes non se secuenciaban e, sen embargo, agora si, o que quere dicir que contidos como "Aceptación das normas para a conservación e mellora do medio natural e urbano" só se dan en primeiro da nova ESO. Queremos facer unha chamada á reflexión sobre este punto: Os contidos actitudinais deben ser, dende o noso punto de vista, transversais a toda a área, e polo tanto non se poden distribuír temporalmente , nin moito menos temporizar a nivel dun documento xeral para todo o sistema educativo.
Seguindo no eido dos contidos, estes son divididos, como xa comentamos, por cursos o que supón unha proposta moi fechada, no que os profesores perden capacidade de decidir sobre a secuenciación de contidos, feito xa denunciado por autores como CASTRILLO SERRANO, J. y otros (2001); CUEVAS CAMPOS, R. (2002); LÓPEZ VILLAR, C. y SALGADO LÓPEZ, J.I. (2002) na análise do anterior currículo (Real Decreto 3473/2000). Esta circunstancia ao noso parecer é un atraso xa que os centros educativos presentan múltiples diferenzas en canto a instalacións, material, situación xeográfica, meteoroloxía,…; perdéndose ademais a esencia e espírito innovador que propugnaba a LOGSE, que cun currículo semi-aberto permitía facer prácticas novas aos que quixeran e/ou continuar co que se fixera sempre, dentro das correntes máis tradicionais da E.F. aos que non.
Polo tanto, como bloques dentro de cada curso aparecen:
I. Condición física e saúde
II. Habilidades específicas
Xogos e deportes: con subtítulos diferentes para 1º e 2º ("Introdución ás habilidades específicas") e 3º e 4º ("Habilidades deportivas")
No medio natural
Ritmo e expresión
III. Actitudes, valores e normas.
Ademais do anterior, debemos sinalar que a división, na que están ao mesmo nivel as actitudes, valores e normas e a condición física e saúde e as habilidades non sabemos a que criterios responde pero non ten moita lóxica, e menos aínda ningunha xustificación dentro do que é a Teoría do Currículo á que fan referencia os estudios de Didáctica e Pedagoxía.
Pasamos a continuación a analizar detalladamente cada un dos cursos dentro do presente documento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza (Decreto 233/2002, do 6 de xuño, DOGA do 17 de xullo).
Primeiro CursoContidos
I. Condición física e saúde
"Acondicionamento xeral das capacidades físicas relacionadas coa saúde.". Este contido fala das capacidades físicas relacionadas coa saúde, pero para o primeiro curso non se fala en ningún contido do traballo da velocidade, atopándose esta capacidade no momento idóneo para ser desenvolvida xa que esta idade constitúe para moitos autores unha fase sensible para a súa mellora (GROSSER, 1992, 28; MORA VICENTE, 1995, 204).
Neste contido, noméanse exercicios tradicionais de acondicionamento físico cando fala de "Práctica de carreira continua, xogos e exercicios dinámicos de forza xeral e estiramentos", o que condiciona a práctica docente, esquecendo que a condición física tamén se pode traballar doutros xeitos que non resultan tan "odiosos" para os alumnos e alumnas (por exemplo, o "acondicionamento físico integrado" do que fala GENERELO e TIERZ, 1991 ; en VV.AA., 1993, as propostas de MARTÍNEZ CÓRCOLES, 1996 ou máis recentemente CASTELLAR OTIN e ZARGOZA CASTERAD, 2004).
"Práctica de exercicios encamiñados ó mantemento das posicións corporais en situacións de sentado (...)". Redúcese o traballo de postura á posición de sentado e de levantar e transportar cargas. Parécenos ben que se traballen estes aspectos mais a proposta séguenos a parecer excesivamente reducionista xa que, dependendo do contexto no que nos atopemos, poden existir numerosas prácticas que serian necesarias traballar na escola.
"Exercitación da musculatura de sostén mediante a realización de exercicios de mobilidade articular, de fortalecemento muscular e relaxación" (o subliñado é noso). Agora ben a nosa pregunta é como se pode fortalecer a musculatura relaxando e facendo mobilidade articular? Pensamos que a mobilidade articular está relacionada coa flexibilidade pero non coa forza, e en todo caso ningunha destas actividades permite un fortalecemento da musculatura.
II. Habilidades específicas1. Xogos e deportes. Introdución ás habilidades específicas.
1.1. "O movemento coordinado: equilibrio e axilidade". Concepto ou Procedemento?. No seguinte contido tamén aparece o tema do equilibrio unido ás habilidades ximnásticas. Cómo se espera que abordaremos este contido?
1.2. "Habilidades ximnásticas globais (...)" Este contido tamén se trata no 2º curso pero a partir de aí non volven a aparecer, pensamos que a riqueza e complexidade motriz das tarefas relacionadas con este deporte deben figurar aínda que só sexa minimamente en cada un dos cursos da secundaria (incluída a post-obrigatoria), incrementando, por suposto, progresivamente a dificultade das tarefas ás que se deben de enfrontar os individuos.
1.4. "Clasificación dos xogos deportivos: convencionais, tradicionais e recreativos" . Non entendemos en base a que criterio se elixiu esta clasificación xa que con anterioridade se seguiu outra e non volve a aparecer ó longo da secuenciación proposta.
1.5. "Coñecemento e práctica de xogos e deportes populares e tradicionais galegos". Aquí se especifica que este contido fai referencia tanto ao ámbito conceptual (coñecemento) coma ao procedimental (práctica), o que nos leva a preguntarnos: cando non se especifica nada, que significa? A que ámbito pertence?
1.6. e 1.7. Nestes contidos se establecen uns xogos tradicionais como prescritivos a desenvolver neste curso. Cal é a xustificación da inclusión destes e non de outros? O que é peor, son realmente estes xogos tradicionais e/ou populares en toda Galiza ou simplemente nalgunhas zonas? Isto chama máis aínda a atención cando nin sequera se especifican os deportes a desenvolver na área, senón que quedan abertos a elección dos profesores que desenvolvan o currículo.
1.8. "Práctica de xogos regrados e adaptados (...) fundamentos técnicos/tácticos (...) estratexias de ataque e defensa (...)". Practicar xogos regrados facendo especial fincapé na técnica e na táctica, canto menos é contraditorio, si ademais lle engadimos o de "... comúns ós deportes colectivos", a contradición é aínda maior: Cáles son eses fundamentos? Pois se non falamos de habilidades básicas, consideramos que as técnicas duns deportes pouco teñen que ver coas de outros, agora, se falamos de aspectos comúns aos deportes colectivos (preferimos denominalos de colaboración-oposición), deberemos falar de "principios tácticos" comúns a todo eles, non de técnica.
Afondando máis neste contido anterior debemos chamar a atención que fai referencia aos aspectos procedimentais do coñecemento ("práctica"), o que quere dicir que non é necesario identificar cales son eses "fundamentos" e/ou "estratexias" comúns aos deportes colectivos. Isto chámanos máis a atención porque parece encamiñar cara metodoloxías de "repetición" de propostas técnicas e tácticas, fóra do aprendizaxe comprensivo das mesmas e das teorías de iniciación aos deportes de sociomotrices de colaboración-oposición máis recentes (BAYER, 1986; BLÁZQUEZ SÁNCHEZ, 1986; DEVIS y PEIRÓ, 1992; HERNANDEZ MORENO, 2000;....)
1.9. "Realización de actividades cooperativas e competitivas encamiñadas á aprendizaxe dos fundamentos técnicos e tácticos dun deporte colectivo", pensamos que neste contido se quere facer referencia ás actividades de colaboración-oposición, xa que todos os deportes sociomotrices de colaboración-oposición (aquí denominados colectivos), implican accións de competición, xa que o regulamento de cada un deles así o establece. Ou e que se está a amosar no currículo a vella, e en teoría superada, loita entre as actividades cooperativas e competitivas?
1.10. "Participación de forma activa nos diferentes xogos e actividades deportivas" O carácter deste contido é claramente actitudinal, polo que debería aparecer no bloque que se deseñou ao efecto.
2. No medio naturalInicialmente mencionar que o título deste "agrupamento" de contidos (non nos atrevemos a chamalo "bloque"), non nos parece o máis axeitado fronte a outras posibilidades máis habituais de redacción como: "Actividades físco-deportivas no Medio Natural", "Actividades físicas no Medio Natural", que definen máis claramente os contidos a desenvolver.
2.1. "Posibilidades que ofrece o medio natural para realizar actividades físico-deportivas: terra, ar e auga". Entendemos novamente que este obxectivo e conceptual ou é que agora imos tirarnos en paracaídas nas clases de educación física? Repetimos que o feito de non diferenciar os tipos de contidos de que se trata pode dificultar o proceso de programación, lonxe de facilitalo, dando a demais a confusión necesaria para que cada profesor os imparta coma el considere. Ademais disto no caso de que se desenvolva como procedimental, de que xeito se van a desenvolver estas actividades? Como repercute na marcha xeral do curso? Que se fai cargo do elevado custo económico das mesmas? No caso de que o fagan os alumnos/as, non pode representar un agravio comparativo cos que non o poidan pagar? Recordemos que o feito de que figuren no currículo as converten en obrigatorias para todos os centros de ensino secundario de Galiza.
2.2. "Habilidades de manipulación dos elementos naturais (construción de refuxios, bivaque, lumes) e adquisición de técnicas básicas manipulativas: lazos, hamacas etc... " Proponse este obxectivo antes de saber facer unha mochila para saír ao medio natural ou o calzado e vestimenta máis axeitado. Ademais, vaise saír ao medio natural a facer lume?. Pensamos que en Galicia existe unha normativa bastante ríxida en canto á idea de facer lume, e o peor, é que en ningún sitio se fala dos contidos a nivel actitudinal que implica esta actividade.
" (...) e adquisición de técnicas básicas manipulativas: lazos, hamacas, etc... " Este é un exemplo claro do tipo de ensino que se tenta manter con este currículo, xa que se lles pide aos alumnos que adquiran una serie de técnicas de nós de forma illada e que non teñen por que utilizar en ningún outro contido ao longo da ESO.
2.3. "Iniciación ao plano e á escala e utilización do compás (búxola)" Mestúranse cousas diferentes, se falamos de plano e compás teríamos que orientalo cara a práctica de actividades de orientación e casualmente non será ate terceiro cando se fala de "nocións básicas de orientación". O que amosa ás claras os problemas de falta de criterio estable no proceso de secuenciación dos contidos desta proposta curricular.
Por outra banda, este é un exemplo claro de contido que podería ser traballado de xeito interdisciplinario con outras áreas, coma xeografía, tecnoloxía ou debuxo, pero debido a que o currículo é pechado resulta imposible. Con xeografía podería ser posible, xa que tamén presenta contidos semellantes no primeiro curso, pero nos outros casos preséntanos en 2º (tecnoloxía) e 4º (debuxo).
2.4."Identificación de sinais de rastrexo e realización de percorridos polo centro e o seu contorno natural". Volvemos ao problema de establecer como prescritivos certos contidos no eido natural. Cremos que este contido será difícil de traballar dende o punto de vista práctico en centros urbanos ou naqueles onde o espazo de ocio sexa reducido. Unha posibilidade podería ser o rastreo polos corredores e instalacións, aínda que non cremos que poidan ser aceptados polos demais docentes, xa que interferirán negativamente no desenvolvemento das demais disciplinas, nin que motiven ós rapaces (xa que carecen do aspecto motivador indispensable para que se leve a cabo o proceso de ensino-aprendizaxe con éxito). Agora ben, como non se especifica realmente se é conceptual ou procedimental ao mellor o que se procura é simplemente que aprendan de memoria un listado de sinais de rastreo, o que estaría fora de toda lóxica didáctica e pedagóxica.
3. Ritmo e expresión3.1. "Prácticas de actividades expresivas encamiñadas a consegui-la cohesión do grupo". Parécenos que o traballar a cohesión dos rapaces debe de darse dende calquera tipo de práctica e non só dende as de expresión, e unha visión reducionista das posibilidades destes contidos.
3.2. "Experimentación de actividades tendentes a rompe-los bloqueos e inhibicións persoais". Con respecto a este punto, pensamos que é moi difícil traballar os bloqueos e inhibicións se non se traballa a confianza nun mesmo e a consciencia corporal, contidos estes que non aparecen por ningures na proposta curricular da Consellería.
3.3. "O tempo e o ritmo". O tempo pode ser alegro, moderato.... non entendemos ben a finalidade de introducir un concepto propio da área de música en educación física. Ademais, parece que a nivel conceptual neste bloque non é preciso aprender nada (consecuencia outra vez da non diferenciación dos tipos de contidos), nós consideramos que para poder entender os procesos de comunicación non verbal é precisa algunha referencia de tipo cognitivo.
III. Actitudes, valores e normas
"Respecto polas normas de hixiene, prevención e seguridade na práctica da actividade física" Curiosamente, dentro dos obxectivos non aparece ningún que faga referencia aos hábitos hixiénicos, (este contido tampouco aparece dentro dos criterios de avaliación). Ademais, non é transversal a toda a área? Ou é que a hixiene só é importante en primeiro e segundo da ESO?
"Participación de forma activa nos diferentes xogos e actividades deportivas, (...)". Tal coma está redactado este contido, e ata este punto, resulta curioso comprobar que é exactamente igual que outro proposto dentro do epígrafe de "Xogos e Deportes: Introdución ás habilidades específicas", o que amosa unha vez máis o pouco esmero que se tivo no deseño deste currículo no tocante ao establecido na Teoría Curricular, feito este que nos parece cando menos preocupante pola imaxe que transmite da institución responsable de velar polo noso sistema educativo público.
"Valoración positiva do uso expresivo do corpo e do movemento, aceptando a propia imaxe, tendo unha actitude desinhibida. " Para conseguir que se acepte a propia imaxe son precisos traballos de conciencia corporal dos cales non se fala nos contidos. ¿Cómo se pretende traballar?
"Aceptación e respecto das normas para a conservación e mellora do medio natural e urbano". Evidentemente estamos ante un contido actitudinal tan necesario nestes tempos que corren, pero: Qué relación ten o "medio urbano" nun bloque que ten como título: No medio Natural?
Segundo CursoContidos
I. Condición física e saúde
"O Quecemento Xeral. Obxectivos. Pautas para a súa elaboración. Recompilación e posta en práctica dos diferentes tipos de exercicios aplicados ó quecemento xeral". O tema do Quecemento está presente dentro do Bloque de contidos de Condición Física e Saúde e tódolos cursos da ESO. Nos tres primeiros cursos trátase o tema do quecemento xeral no cuarto curso o quecemento específico. Para levar a cabo esta proposta é imprescindible fragmentar o bloque temático do quecemento de tal forma que se perde, inevitablemente, unha continuidade no proceso de ensino-aprendizaxe, así como a visión importantísima do quecemento coma un "todo" indivisible no cal as súas partes, finalidades, obxectivos e "modus operandi" están intimamente relacionadas.
"Capacidades físicas relacionadas coa saúde: resistencia aeróbica e flexibilidade. Concepto. Control da intensidade do esforzo pola frecuencia cardíaca: toma de pulsacións, cálculo e realización de esforzos dentro da súa zona de actividade". Inicialmente nomease á flexibilidade pero o desenvolvemento do contido fai referencia só á resistencia.
"Acondicionamento da resistencia aeróbica: carreira continua, adestramento total e xogos... ". Este contido, ao igual do que aconteza co curso anterior céntrase en actividades para o desenvolvemento da resistencia tradicionais. A caso, como xa comentamos non se pode mellorar a resistencia aeróbica a través de danzas ou mediante circuítos de habilidades?. Non se pode traballar dentro doutros bloques do currículo ou de forma interdisciplinaria con outras áreas?. Non vemos lóxico que os propios contidos do currículo oficial establezan as actividades a realizar para traballar eses contidos, xa que reducen a liberdade do docente, en todo caso, isto compételle aos "Desenvolvementos Curriculares", que a modo de exemplificación xa existen sen carácter normativo.
"Acondicionamento da flexibilidade: exercicios estáticos e dinámicos". Unha vez máis, vese limitada a actuación do profesor a un tipo de traballo concreto dentro do desenvolvemento da capacidade física básica da flexibilidade. Ademais, como veremos máis adiante, este traballo volve a repetirse no 3º curso da ESO.
"Práctica dos diferentes tipos de respiración: clavicular, torácica e abdominal". Aparece o traballo de respiración que non aparecía en primeiro e non entendemos por que. En primaria xa se traballa este contido e non tería sentido en primeiro curso obvialo.
II. Habilidades específicas1. Xogos e deportes. Introdución ás habilidades específicas.
1.1. "Execución de distintas combinacións de habilidades ximnásticas e acrobáticas". Enlazar acrobacias nos parece un contido demasiado difícil para segundo curso, tendo en conta que en primaria non se traballan habilidades específicas, ademais, seria necesario, ao noso entender e coma xa dixemos, seguir traballando a ximnasia artístico-deportiva nos seguintes cursos, cousa que non se fai.
1.2. "Características básicas e comúns das habilidades deportivas: normas, regras, aspectos técnicos e tácticos". Si se fala de habilidades deportivas ¿cales son os aspectos técnicos comúns a todos os deportes?. Se fala de deportes ¿cales son as regras, normas, etc... comúns aos deportes? Entendemos, por exemplo, que hai habilidades deportivas que se rexen por códigos de valoración externa nos que a execución de técnicas non supón que exista tácticas na súa realización. Ou é que se está facendo referencia sempre aos deportes sociomotrices?, feito este que, ademais de parecernos de novo reducionista, amosaría o pouco coidado que se tivo na redacción destes contidos.
1.3. "Realización de tarefas dirixidas á aprendizaxe dos fundamentos técnicos básicos, principios tácticos básicos e regulamentarios de un deporte colectivo". Agradecemos positivamente que se deixe a elección do profesorado o deporte sociomotriz de colaboración-oposición (colectivo) concreto a impartir, sorpréndenos este tipo de contido xa que non segue a mesma liña do resto do currículo (excesivamente pechado). Aínda así temos que dicir que o limitar o ensino dun deporte en base a un modelo técnico-táctico, ademais de anticuado e en desuso, en un gran erro xa que como sinalan BAYER (1986), DEVÍS DEVÍS y PEIRÓ VELERT (1992) ou HERNÁNDEZ MORENO e cols. (2000) está sobradamente demostrado que outro tipo de iniciación tales como os Ataque-Defensa (baseados en principios e intencións de xogo), o modelo comprensivo de DEVIS (op. cit.) ou mesmo os baseados na acción de xogo (roles e subroles sociomotrices) obteñen resultados moito máis satisfactorios, ademais de transferibles de uns deportes sociomotrices (colectivos) a outros, e cando menos moito máis atractivos de cara á práctica, factor este fundamental na Educación Física escolar de hoxe en día.
1.4. "Escolma e práctica dos xogos tradicionais da zona.". Resulta curioso que os contidos relacionados cos xogos e deportes tradicionais se desenvolven nos dous cursos deste primeiro ciclo e sen embargo, no apartado dos criterios de avaliación, non aparecerá ningún referido con este contido, tal e como sucedeu na anterior reforma, o que unido ao anterior pensamos que amosa a pouca importancia que o lexislador lle dá a estes aspectos.
1.5. "Práctica de actividades deportivas individuais relacionadas co atletismo, bádminton… e colectivas relacionadas co mini basquet, voleipraia, mimi-balomán, de ocio e recreación". Na redacción deste contido o bádminton aparece como "deporte individual". Dende a nosa modesta opinión o bádminton non é un deporte individual se non de oposición. Neste mesmo contido fálase do mini-basquet e o mini-balonmán, a nosa información no eido destas modalidades deportivas din que estes "mini-deportes" están orientadas a categorías benxamíns e alevíns, polo que serian máis axeitados para Primaria. E por último e o máis anecdótico, "Volei-praia"???. Por favor, un pouco de seriedade, onde se vai practicar volei-praia nos institutos de ensino secundario? Por que, se estes contidos non son normativos, quere dicir que todos os demais tampouco o son?, e de ser así, que sentido ten todo este "novo traballo curricular" que se nos presenta?
Por outra parte, no referido ao aspecto de "ocio e recreación" Cómo debemos entender esta "Práctica"? Simplemente como "experimentación"? Cómo divertimento? Cómo "escolas deportivas" ou "actividades extraescolares"?.
2. No medio natural2.1. "Adquisición e posta en práctica de técnicas básicas para a montaxe de tendas de campaña". Entendemos este contido como procedimental, e somos conscientes de que, aínda que queda moi bonito no papel, é imposible de levar a cabo na práctica xa que, a maior parte dos centros de Educación Secundaria, non contan con un lugar axeitado para poder montar as tendas de campaña, ademais de non figurar no seu inventario de material, xa que non figura na dotación de material que a propia Consellería deseña para ser subministrado ós centros. En relación co tema do material, as tendas son material funxible ou non funxible? Teno que poñer a Administración ou corre a cargo dos centros de ensino? Pensamos que esta é unha mostra clara da incongruencia do currículo proposto coa dotación de materiais deportivos dos centros, na que non aparecen moitos dos materiais necesarios para levar a cabo as propostas curriculares.
Outro aspecto a comentar dentro deste contido, e que será xeral a todo este bloque dentro da ESO, sería o referido a que sentido ten aprender a montaxe dunha tenda de campaña se non se van a realizar saídas, co que chegamos a outro problema: as saídas ao medio natural son obrigatorias? Que pasa cos horarios de dedicación laboral dos profesores? Quen se fai responsable dos rapaces en caso de accidente? Quen cubre a nosa responsabilidade civil nestes casos?
2.2. "Nocións sobre supervivencia e acampada: normas de seguridade, elección do terreo e precaucións que hai que ter en conta para montar tendas". Este contido, sigue a liña do anterior, mais chámanos a atención porque non sabemos si está formulado a nivel conceptual ou hai que facer unha práctica na que poñamos a proba as capacidades de supervivencia dos rapaces e rapaces nun entorno descoñecido cun anaco de pan e un ovo duro a ver quen asiste a clase ao día seguinte.
2.3. "O sendarismo: Concepto de sendarismo. Tipos de senda, material e vestimenta necesaria. Realización dun percorrido de sendarismo." Volvemos a atoparnos cos problemas antes mencionados sobre as saídas ao medio natural e a responsabilidade civil. De ser obrigatorio a administración debería por os medios necesarios para realizalas con garantías para todos os implicados.
2.4. "Características do medio natural: topografía e recoñecemento de formas e elementos da paisaxe". Recoñécese a paisaxe en segundo despois de traballar co plano en primeiro ¿Cál é a lóxica?. Pensamos que "características do medio natural" non é un contido específico da nosa área e que hai outras que xa deberían traballar estes contidos. Pensamos que ó longo da secuenciación non se debería perder de vista a idea de que nos estamos movendo no ámbito da motricidade e que algo como son as actividades físicas e deportivas no medio natural, salvo a orientación e o sendeirismo, non aparece.
3. Ritmo e expresión3.1. "Experimentación de actividades encamiñadas ó dominio, ó control corporal e á comunicación cos demais: os xestos e as posturas." Trabállanse contidos de primaria que se supoñen xa superados, ademais, non vemos ningunha lóxica na secuenciación deste bloque.
3.2. "Combinación de movementos de distintos segmentos corporais con desprazamentos seguindo unha secuencia rítmica". Cara onde se supón que debemos orientar este contido: cara representacións artísticas (danza clásica, moderna, contemporánea,..., e similares? Cara a deportes que presentan unha base musical sobre a cal se combinan movementos e desprazamentos (Ximnasia Rítmica, Patinaxe Artístico,..., e similares)? Este é un exemplo máis das diferenzas de concreción que hai ao longo de todo o documento, onde algúns contidos, coma este, son moi xerais e outros chegan a unha concreción próxima ás tarefas.
3.3. "Execución de pasos sinxelos de danzas colectivas". Non se fai referencia en ningún momento aos ritmos ou danzas propias de cada comunidade, aspecto que nos parece fundamental, e que contrasta coa importancia que se lle daba ao tratamento dos xogos e deportes populares e tradicionais.
III. Actitudes, valores e normas
"Toma de conciencia da propia condición física (…)" Aínda que pode semellar de eido actitudinal, dende o noso punto de vista, este contido está facendo referencia a un feito procedimental e non actitudinal. Este tipo de ambigüidades son o resultado no ter diferenciados, os distintos tipos de contidos: conceptuais, procedimentais e actitudinais.
"Recoñecemento e valoración da relación existente entre a adopción dunha postura correcta na realización de actividades físicas e no traballo diario de clase)". Resulta curioso que apareza un contido actitudinal relacionado coa postura cando neste curso, non apareceu ningunha proposta para o traballo procedimental neste eido.
"Aceptación das diferencias individuais e respecto ante a execución dos demais". Qué pasa coas execucións propias?, a súa toma de conciencia, aceptación e actitudes encamiñadas á superación persoal. Parece que isto de non dividir entre os tres tipos de contidos deixa un pouco de lado os actitudinais.
"Valoración das produccións culturais da nosa comunidade que existen no campo da expresión corporal". Resulta curioso que se faga referencia dentro dos aspectos actitudinais a algo que non se traballou de forma procedimental nin tan sequera procedimental. Ademais, non entendemos se o que se ha de valorar son obras de teatro e cousas semellantes ou é valorar as danzas e ritmos tradicionais.
" Toma de conciencia dos usos e abusos de que está sendo obxecto o medio urbano e natural". Remitímosvos ó 4º contido deste mesmo bloque no 1º curso.
"Toma de conciencia dos efectos que determinados hábitos sociais teñen no organismo: tabaquismo, alcoholismo e sedentarismo". Nós coidabamos que estes contidos pertencían aos temas transversais de "Educación para a Saúde", a traballar polo conxunto de materias do currículo, ou que o lexislador pretende transmitir a imaxe de que o deporte é o único "bo" dentro da sociedade? De que deporte SEMPRE vai asociado a saúde?
Criterios de avaliaciónPasamos a continuación a puntualizar unha serie de aspectos en algúns dos criterios de avaliación propostos.
"Incrementa-las capacidades físicas relacionadas coa saúde, traballadas durante os dous cursos, mellorando con respecto ó seu nivel de partida". Parécenos pobre o feito de que so se vincule o criterio de avaliación en canto á mellora a nivel individual, sen facer mención ao entorno de referencia (aspecto ao que si se fará referencia en terceiro), xa que obviamente, todas as capacidades físicas (de sacado a flexibilidade), mellorarán por propia maduración biolóxica durante os dous anos que dura o primeiro ciclo e que avalía este criterio. Outra cuestión importante é o feito de que estes criterios de avaliación son, como dixemos, a chave da promoción do alumno ou alumna, e neste caso é imposible que se cumpra, dado que como dixemos a flexibilidade vai a diminuír coa idade (MARCO SANZ, 1998, 32), sendo ademais estes cursos moito máis marcada esta diminución debido ao proceso de crecemento que adoitan sufrir o alumnado (sobre todo no que nos referimos aos rapaces)
"Emprega-la respiración como técnica para favorecer o autocontrol". Este criterio de avaliación non aparece en ningún dos contidos enumerados con anterioridade.
"Emprega-las habilidades específicas aprendidas en situacións reais de práctica, prestando atención aos elementos de percepción e decisión". Resulta curioso que neste criterio se desprece a execución, cando no desenvolvemento dos contidos se lle da tanta importancia á aprendizaxe da técnica específica das actividades desenvolvidas, o que amosa novamente incoherencias de criterio no deseño do currículo.
"Practicar actividades expresivas (mimo, danza,...) sixelas en pequenos grupos (...)". Temos que supoñer que o contido número 4 do bloque de Ritmo e Expresión, fai referencia concreta a danzas e non a outro tipo de actividades físicas que conviven ritmos, movemento e manexo de obxectos.
"Manifestar, individual e colectivamente (...) empregando técnicas de dinámica de grupo (...)". Isto non era un tipo de estratexia metodolóxica para o profesor? En todo caso debería ser utilizada polos docentes e, en ningún caso exclusivamente en unidades didácticas de expresión.
Comentar de maneira xeral que os contidos "posicións corporais" (no referido a educación da postura), "clasificación dos xogos deportivos e actividades no medio natural", "xogos ou deportes autóctonos" nin "as producións culturais no eido da expresión corporal", non aparecen en ningún dos criterios de avaliación (se ven estas últimas só figuraban no eido actitudinal do segundo curso), que marca claramente o currículo oculto que transmite este currículo, neste caso por omisión (DODDS, citado por KIRK, 1990: 142-143)
Terceiro CursoContidos
I. Condición física e saúde
"O quecemento xeral. Efectos. Elaboración e posta en práctica de quecementos xerais". Insistimos no anteriormente comentado acerca dos contidos relacionados co quentamento, ademais, parécenos que os alumnos e alumnas deberían estar capacitados para desenvolver os quecementos específicos individualmente antes deste terceiro curso, xustificándose isto cos contidos desenvolvidos na educación primaria.
"Capacidades físicas relacionadas coa saúde: resistencia e flexibilidade (...)". Unha vez máis as únicas capacidades que aparecen e "resistencia" e "flexibilidade". Temos, ademais, que volver a deducir si este contido é conceptual ou procedimental e, no caso de que sexa conceptual, no podemos tratar as demais capacidade físicas básicas?.
"Aplicación de métodos específicos de adestramento da resistencia aeróbica: carreira continua uniforme, adestramento total, carreira variable e outros" Aínda non se falou de compoñentes da carga (agás da intensidade), e xa se fala sistemas de adestramento o que nos parece un erro dende o punto de vista de selección e secuenciación dos contidos.
"Aplicación do método estático e dinámico no traballo da flexibilidade". A cal dos métodos estáticos e a cal dos dinámicos existentes se refire este contido? Só hai un válido en cada unha destas formas de desenvolvemento da flexibilidade?
II. Habilidades específicas.1. Habilidades deportivas.
1.1. "Aspectos técnicos, tácticos e regulamentarios dos deportes que se van a practicar". Ate o de agora, todo o documento foi bastante restritivo e aquí non o é, que razón hai, polo tanto de delimitar tanto os contidos antes?.
1.2. "Realización de actividades cooperativas e competitivas dirixidas á aprendizaxe dos fundamentos técnicos e tácticos dun deporte colectivo". Parece novamente que se quere volver á loita entre actividades cooperativas e competitivas. Dende o punto de vista da iniciación deportiva pensamos que onde pon actividades cooperativas e competitivas sería máis correcto falar de actividades de colaboración-oposición, dentro das liñas metodolóxicas baseadas na acción de xogo (HERNANDEZ MORENO, 2000).
1.3. "Adquisición das técnicas básicas de diferentes modalidades do atletismo". Adquisición de todas as técnicas básicas do atletismo? Parécenos unha esaxeración e algo irreal. No caso que non sexan de todas, ¿de cales?, ¿carreiras, saltos, lanzamentos?
1.4. "Práctica de actividades encamiñadas á aprendizaxe doutro deporte individual ou de adversario". Novamente a problemática terminolóxica: Individual ou de Adversario?, e dicir, Psicomotriz e Sociomotriz de Oposición? HERNANDEZ MORENO, 2000).
2. No medio natural.2.1. "Adquisición de técnicas básicas de orientación (...)". Neste curso aparece o traballo de orientación, falando do mapa, sen tocar, en ningún momento a orientación por indicios. Non entendemos a progresión que se sigue, cando dende un punto de vista metodolóxico a estrutura que se adoita a seguir vai de entorno coñecido e estable a entorno descoñecido e inestable, e dentro de ela variando os métodos de orientación: por indicios, croques, planos, mapas e compás (SICILIA CAMACHO y RIVADENEYRA SICILIA, 1998: 41).
2.2. "Nocións básicas sobre orientación. Normas de seguridade (...)". Qué diferenza hai entre as "técnicas básicas" do contido anterior e as "nocións básicas" de este?. Non temos contidos suficientes para desenvolver no medio natural que temos que duplicar?
3. Ritmo e expresión3.1. "Práctica dirixida á toma de conciencia dos distintos espacios utilizados na expresión corporal: espazo interior, espazo físico, espazo parcial ou propio e espazo social". Non entendemos porque se traballa o espazo en terceiro da ESO, se forma parte das capacidades perceptivo-motrices e xa é traballado en Primaria. Poderiamos entender que se traballase o espazo como lugar de exploración para a expresión ou a estruturación en relación ao ritmo, como se propón no seguinte contido, pero non tal como está redactado neste.
3.4. "Utilización de técnicas básicas de relaxación, respiración e concentración". Que fan estes contidos nun bloque de ritmo e expresión? O é que a relaxación, respiración e concentración só están relacionados con este área da educación física?.
III. Actitudes, valores e normasNeste apartado se reiteran os mesmos problemas comentados nos anteriores cursos.
Criterios de avaliación
"Utiliza-las modificacións da frecuencia cardíaca e respiratoria como indicadores da intensidade do esforzo". Pensamos que, este criterio estaría mal secuenciado xa que se pide control da frecuencia cardíaca coma indicador da intensidade cando isto foi traballado no segundo curso e non no terceiro, o que amosa de novo a falta de relación entre contidos e criterios de avaliación.
"Realizar actividades no medio natural (...)". Vólvese a falar de saídas ó medio natural: Qué hai da responsabilidade que recae sobre os profesores que se incrementou tras a aprobación da lei do menor? O noso parecer é que estas actividades son moi necesarias na formación do alumnado, mais cremos que non é axeitado obrigar por medio de documentos normativos ao profesorado á adoptar contidos que impliquen risco para o seu labor profesional (na orde da responsabilidade civil).
"Practicar actividades expresivas (mimo, danzas colectivas..) dándolle (...)". Non hai ningún contido onde se especifique que debemos traballar danzas colectivas neste curso. Este é outro exemplo máis de inconexión e falta de relación entre a formulación dos contidos e dos criterios de avaliación.
Como remate, mencionar que non se avalía nada a nivel cognitivo (agás no 4º criterio sobre "analizar os efectos duradeiros..."), todo é procedimental (descoñecemos cal é ou pode ser o motivo).
Comentar, a nivel xeral, e para remarcar de novo a falta de relación entre contidos e criterios de avaliación, que non aparece ningún criterio de avaliación relacionado cos deportes "individuais ou de adversario" (tal e como aparecen no documento).
Cuarto CursoContidos
I. Condición física e saúde
"Capacidades físicas relacionadas coa saúde: forza e resistencia muscular e a velocidade. Concepto. Manifestacións básicas. Tipos de exercicios". Somos da idea de que a resistencia (tanto aeróbica coma muscular) é necesaria traballala ó longo de todas as etapas educativas, xa que son a base co concepto de "Acondicionamento Físico para a Saúde". (DEVÍS DEVÍS y PEIRÓ VELERT, 1992 ; VV.AA., 1993). Ademais, o que é peor, e o noso entender un erro gravísimo a nivel de conceptos, se asocia a velocidade coas capacidades relacionada coa saúde e, polo que nós sabemos, a maioría dos autores relacionan este concepto coas capacidades físicas de resistencia aeróbica e muscular, flexibilidade e forza (DEVÍS DEVÍS y PEIRÓ VELERT, 1992; VV.AA.,1993), nunca coa velocidade.
"A postura corporal nas actividades cotiás. Análise dos malos hábitos e a súa corrección". Pensamos que estes contidos deben de ser traballados de xeito transversal a toda a área e/ou en todo caso xa deberían ter sido tratados con anterioridade.
"Elaboración e posta en práctica dun plan de traballo da resistencia aeróbica e da flexibilidade". Non se fala da carga, dos compoñentes da mesma e a súa dinámica, do síndrome xeral de adaptación, etc. E pretendemos que planifiquen. Cremos que este e de novo outro exemplo de incongruencia na distribución temporal dos contidos.
II. Habilidades específicas1. Habilidades deportivas.
1.2. "Planificación de propostas de actividades aplicables ós deportes que se están practicando, levándoas á práctica de forma autónoma." Estamos formando monitores? Que sentido ten este contido? Unha cousa é que xestionen de forma autónoma a súa práctica e outra ben distinta que sexan capaces de planificar tarefas, feito este que lles compete aos profesionais diste campo.
1.3. "Práctica de actividades deportivas individuais e colectivas de ocio e recreación". Remitímosvos ó contido número 5 do segundo curso, xa que son exactamente iguais.
1.4. "Planificación e organización de campionatos deportivos". Neste caso, por un lado remitímosvos á reflexión feita no segundo contido deste bloque, sobre se estamos formando monitores. E, por outro, parece amosar claramente a transmisión dun concepto deportivo para a competición (coma currículo oculto): por máis que noutros contidos se fale de recreación e ocio, realmente este é o único no que os rapaces e rapazas teñen que organizar eles mesmos as actividades, cun claro carácter competitivo (campionatos), dándolle deste xeito moita máis importancia a este tipo de contidos fronte aos recreativos.
2. No medio natural.2.2. "Perfeccionamento e profundización da técnicas de orientación (...)". Seguimos pensando que non entendemos a progresión metodolóxica en relación con este contido. Imos perfeccionar, sobre que base?.
3. Ritmo e expresión3.1. "Práctica de actividades rítmicas cunha base musical". En tódolos cursos traballamos contidos de expresión con base musical. En qué debemos diferenciar este traballo? Ou é que é o mesmo? Cal é a progresión que sinala o currículo?
3.4. "Introducción ós métodos de relaxación: Jacobson, Schultz, tai-chi...". Este contido amosa unha contradición o decreto establecido para o estado (R.D. 3473/2000, de 29 de decembro), no que se establecía o método de Jabcobson para terceiro curso, aínda que nos non compartimos en ningún caso a idea de concretar tanto o traballo a realizar. Ademais de iso, o tai-chi non representa en ningún caso un método de relaxación, co que o epígrafe baixo o que se atopa representa un erro conceptual importante.
3.5. "Participación e contribución ó traballo en grupo". Só é preciso traballar isto no ámbito da expresión? Dende o noso punto de vista este contido debería ser actitudinal, e polo tanto transversal a toda a área.
III. Actitudes, valores e normas
"Valoración obxectiva dos elementos técnicos, tácticos e plásticos do deporte, independentemente da persoa e/ou equipo que o realice". Tal como está redactado este contido, parece expresar máis un contido procedimental no eido de "avaliar obxectivamente os elementos técnicos, tácticos...", que realmente un contido actitudinal.
Criterios de avaliación
"Incrementa-las capacidades físicas de resistencia, flexibilidade, forza, resistencia muscular e velocidade respecto así mesmo e ó entorno de referencia (...)". Non compartimos a idea de ter que ponderar obrigatoriamente, e por lei, a valoración da mellora da condición física que acade cada alumno ou alumna. Isto implica recortar aínda máis se cabe a capacidade de decisión que ten o profesor da área, ademais de outras consideracións que teñen máis que ver coa forma de comprender a materia, nas que non vamos a entrar aquí. E volvemos á pregunta anterior, que pasa cos alumnos e alumnas que non melloren a súas capacidades físicas?
"Analiza-los efectos duradeiros, que son beneficiosos para a saúde, do traballo de forza e velocidade". Volvemos a atoparnos coa velocidade relacionada cos aspectos de saúde, cousa que, como xa comentamos non ten consistencia conceptual. Por outro lado, nos contidos que estarían asociados a este criterio de avaliación, tamén se fala de resistencia muscular (que non aparecía no borrador, feito xa denunciado en traballos anteriores LÓPEZ VILLAR e SALGADO LÓPEZ, 2002), desaparecendo na redacción última dos criterios de avaliación, sen ter unha clara razón aparente.
"Realizar, mediante a aplicación de técnicas básicas, producións artísticas sinxelas (...)". En todo o bloque de Ritmo e Expresión deste curso se fai referencia á base musical, e agora resulta que chegamos ó criterio de avaliación e a música, neste caso, non é imprescindible. Non avaliamos o que impartimos ou non impartimos o que avaliamos?.
Comentar, ademais, a nivel xeral que non aparece ningún criterio de avaliación relacionado coa "postura corporal". Tampouco se menciona nada sobre a "planificación e organización de campionatos" nin co tema da "orientación". Sobre todo este último, xa que "perfeccionamos" teremos que saber que nivel acadaron os nosos alumnos. Por outro lado, no que fai referencia aos deportes tratados, só se avalían os deportes de equipo (de colaboración-oposición), cando dentro dos contidos se fala a nivel do borrador galego de "(...) perfeccionamento dun deporte colectivo e doutro individual"(no 1.1 do apartado de "Habilidades específicas").
ConclusionsA continuación presentamos a modo de conclusión as posibles reflexións xerais que podemos extraer despois da realización da nosa análise, remarcándoas ademais con contribucións de outros autores que xa analizaron a anterior proposta curricular do Ministerio de Educación, publicada no Real Decreto 3473/2000 de 29 de decembro (BOE do 16 de xaneiro do 2001), do que esta é practicamente irmá xemela:
Os obxectivos xerais parecen ter unha clara orientación cara "a mellora da execución e do rendemento" (LEARRETA RAMOS, 2003)
Ao longo de todo o documento, vese unha maior ponderación de obxectivos, contidos e criterios de avaliación enfocados cara unha visión procedimental, perdendo toda importancia os aspectos conceptuais e actitudinais (CASTRILLO SERRANO e outros, 2001)
O documento presenta unha visión reducionista do ámbito da saúde, que só relaciona co bloque de Condición Física (CASTRILLO SERRANO e outros, 2001), deixando de ser polo tanto un contido transversal.
A estruturación e secuenciación de moitos dos contidos propostos carece de sentido dende un punto de vista epistemolóxico e/ou didáctico, coma pode ser o caso dos referidos á Condición Física (CUEVAS CAMPOS, 2002) ou os de Medio Natural e Ritmo e Expresión entre outros (GONZÁLEZ RAVÉ, 2003).
En algúns casos parece que se deixa certos contidos para rematar no Bacharelato, coma é o caso de que se fala de "Elaborar e por en práctica un plan de traballo da resistencia aeróbica e a flexibilidade" pero no pasa o mesmo coa forza e velocidade. De ser isto así, debemos reflexionar que a ESO ten caracter terminal e polo tanto eses contidos poderían non ser adquiridos polo alumnado que non accedese a esa etapa escolar (CASTRILLO SERRANO e outros, 2001)
Bótase en falta, seguindo a CUEVAS CAMPOS (2002), contidos que fagan referencia ós primeiros auxilios ou incluso algúns tan relacionados coa saúde coma os de nutrición, que deste xeito quedan fora de todo o currículo da ESO, feito este que consideramos preocupante dada a tendencia da nosa sociedade, e máis concretamente dos nosa xuventude, en materia nutricional.
No apartado de "Xogos e Deportes", parece que se fai un fincapé excesivo no deporte regrado (LEARRETA RAMOS, 2003), fronte ao protagonismo que tiña o xogo no primeiro currículo da LOGSE (RD 1007/1991 de 14 de xuño).
No referido ao apartado de "Ritmo e Expresión", detéctase certa tendencia cara ó ámbito artístico máis que cara ó expresivo (LEARRETA RAMOS, 2003), "dando como resultado respostas que buscan máis unha estética que puidera entenderse sometida a uns canons". Se obvian polo tanto moitos contidos relacionados coa vivencia corporal de sentimentos, a relación interpersoal e a mesma comunicación do linguaxe non verbal.
No referido aos criterios de avaliación, se amosa un "evidente desaxuste entre o que se debe ensinar e o que se debe avaliar" (CASTRILLO SERRANO e outros, 2001), propoñéndose contidos que non aparecen nos criterios de avaliación e viceversa.
Para finalizar, queremos facer unha reflexión final, en tanto que, mentres non exista unha dotación de material aos centros acorde cos currículos que se lles obriga a desenvolver (en todos os niveis educativos), mentres non exista un plan de formación permanente e continuada do profesorado por áreas, que sexa algo máis que uns cursos inconexos, e sobre todo, mentres non exista unha labor de inspección real e especializada dos contidos que se están a desenvolver realmente nos centros, todos os currículos que se deseñen, todas as propostas críticas que se fagan (as teñan en conta ou non), todos os esforzos que se invistan en mellorar esta área non terán éxito, xa que moitas veces as circunstancias nas que se atopan os centros e os profesores fan que todo o anteriormente citado quede en papel mollado.
Bibliografia
AYUSTE, A. y otros (1999).- Planteamientos de la Pedagogía Crítica. Comunicar y transformar. Barcelona. Graó
BAYER, C. (1986).- La Enseñanza de los Juegos Deportivos Colectivos. Ed: Hispano-Europea. Col: Heracles. Barcelona
BLÁZQUEZ SÁNCHEZ, D. (1986).- Iniciación a los Deportes de Equipo. Ed: Martínez Roca. Barcelona.
CASTELLAR OTIN, C. e ZARGOZA CASTERAD, J. (2004).- "La resistencia en Secundaria: Aplicaciones Prácticas". En: Revista de Educación Física: Renovar la teoría y la práctica, nº 93. Ed: Boidecanto. A Corunha
CASTRILLO SERRANO, J. y otros (2001).- "El Real Decreto de Enseñanzas Mínimas para el Área de Educación Física en la E.S.O., la confirmación de una involución anunciada". En: Revista Española de Educación Física y Deportes. Vol: VIII, nº 4, año LII. Ed: Consejo General de COLEF Y CAFD. Madrid. (pp. 30-40)
CUEVAS CAMPOS, R. (2002).- "Análisis de la nueva organización de los bloques de contenidos de educación Física en Educación Secundaria". En: Apuns, nº 67. Barcelona (pp.18-26)
DEVÍS DEVÍS, J. y PEIRÓ VELERT, C. (1992).- Nuevas Perspectivas Curriculares en Educación Física: La Salud y los Juegos Modificados. Col: La Educación Física en…. Reforma. Ed: Inde. Barcelona
GENERELO, E. y TIERZ, P. (1991).- Cualidades Físicas. Ed: CEPID. Zaragoza.
GONZÁLEZ RAVÉ, J. M. (2003): "Análisis de los cambios en el currículo de la Educación Física. Currículo holístico o neo-liberal: del RD 1007/1991 al RD 3743/2000. En: Revista de Educación Física. Renovar la teoría y la práctica, nº 92. Ed: Boidecanto. A Corunha
GROSSER, M. (1992).- Entrenamiento de la Velocidad. Ed: Martinez Roca. Barcelona
HERNÁNDEZ MORENO, J. y cols. (2000).- La iniciación a los deportes desde su estructura y dinámica. Aplicación a la Educación Física Escolar y al Entrenamiento Deportivo. Ed: Inde. Col: El deporte en Edad Escolar. Barcelona
KIRK, D. (1990).- Educación Física y Currículum. Valencia. Universidad de Valencia
LEGARRETA RAMOS, B. (2003).- Nuevas enseñanzas mínimas para la educación física de ESO: análisis comparativo entre el anterior y el nuevo currículo. Revista Española de Educación Física, julio-septiembre. 42-47
LÓPEZ VILLAR, C. y SALGADO LÓPEZ, J.I. (2002).- "Análise crítica da proposta de modificación do Currículo de Educación Física da Conselleria de Educación da Xunta de Galicia". En: Lecturas: E.F. y Deportes. Revista digital. www.efdeportes.com. Año 8, nº 48. Buenos Aires
MARCO SANZ, C. (1998).- "Fundamentos fisiologicos de la Flexibilidad". En: II Jornadas sobre Teoría del Entrenamiento Deportivo. Departamento de Educación y Cultura. Gobierno de Aragón. Zaragoza
MARTÍNEZ CÓRCOLES, P. (1996).- Desarrollo de la resisténcia en el niño. Ed: Inde. Col: La Educación Física en…. Reforma. Barcelona
MORA VICENTE, J. coord. (1995).- Teoría del Entrenamiento y del Acondicionamiento Físico. Ed: COPLEF Andalucía. Córdoba
SANTIAGO, P. (1985).- De la expresión corporal a la comunicación interpersonal. Ed: Narcea. Madrid
SICILIA CAMACHO, A. y RIVADENEYRA SICILIA, Mª. L. (1998).- Unidades didácticas para secundaria VIII: Orientación. Ed: INDE publicaciones. Col: Unidades Didácticas de aplicación. Barcelona
STENHOUSE, L. (1987).- La investigación como base de la enseñanza. Madrid. Morata
TORRES SANTOMÉ, J. (1991).- El Currículum oculto. Madrid. Morata
VV.AA. (1993).- Fundamentos de la Educación Física para la Enseñanza Primaria. Vol I . Col: La Educación Física en…. Reforma. Ed: Inde. Barcelona
Documentos LegaisMinisterio de Educación
R.D. 1345/1991, de 6 de septiembre, polo que se establece o currículo da Educación Secundaria Obrigatoria (BOE de 13 de septiembre).
R.D. 3473/2000, de 29 de diciembre (BOE del 16 de enero), polo que se modifica el R.D. 1007/1991, de 14 de junio, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes a la E.S.O.
Galicia
Decreto 78/1993 do 25 de febreiro (DOGA do 2 de abril) do currículo de Educación Secundaria Obrigatoria.
Decreto 233/2002, do 6 de xuño (DOGA do 17 de xullo) , polo que se modifica o decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
revista
digital · Año 11 · N° 106 | Buenos Aires,
Marzo 2007 |